Os tempos na xustiza sábese que van
para largo e así o corrobora o dito castelán ”Las cosas de palacio van
despacio”. Isto é o que pasou tamén coa execución testamentaria do benfeitor
Esteban A. del Río. Terían que pasar máis de trinta anos do seu falecemento
para ver os froitos das xestións e unha mínima, e provisional, realización dos
mesmos, víranse reflectidos. Mais non en Meiro, como fora o seu desexo, senón
en Bueu.
E todo comezaría en novembro de 1905 no
que, nunha campaña para contrarrestar os avances dos “protestantes ingleses”, o Cardeal Arcebispo Martín de Herrera funda
e sostén centros educativos en Marín[1].
Capela Vella |
Oratorio Capela Vella |
E, aínda que non é máis cunha idea,
publicase que o mesmo cardeal dispón en Bueu[2] “dunha considerábel extensión de terreo, en
lugar céntrico e hixiénico, onde proponse edificar un magnífico local de
escola, rodeado de amplo campo escolar. Este local escolar terá , no fondo do
mesmo (un dos lados menores do paralelogramo)[3],
un pequeno departamento, convenientemente separado, onde instalarase un altar
para a celebración do santo Sacrificio os domingos e demais días de festa.
[...] Ao fronte desta escola-capela pensa o Emmo. Prelado poñer un sacerdote-mestre,
o cal, á vez que desempeñe cumpridamente o espiñento e nobilísimo cargo de
mestre de escola, diga tamén, os días de festa, a santa Misa no referido
altar...”.
Pasados uns anos (1909), e á espera
de que esa idea se fixera realidade, abriu ás súas portas como escola-capela no
lugar de Pescadoira, propiedade do Sr. Antonio Nores, que sería coñecida como “Capela-escola de S. Xosé da praia de Bueu”
ou, co paso do tempo, como “Capela vella”.
As instalacións estaban no primeiro andar do inmoble ao que se acedía por un
patín ou escalas exteriores. Constaba dunha estancia con espazo amplo para
escola e “apartado no mesmo para oratorio”. Na primeira época o capelán era o que
exercía de mestre como Francisco Canosa (1912), Antonio Sueiro (1913), Jesús
Suárez (1930). etc.
Jesús Suárez - 1930 |
Nese mesmo ano constituíuse un
Padroado, que levaba en xestación dende o 1905, o compuñan algúns veciños, como
José López Díaz, José Cerqueiro Malvido, Antonio Nores, etc. que baixo a
denominación de “Padroado pro-Capela-Escola de S. Xosé” mandaron proxectar uns primeiros
planos dunha Capela-escola. Planos que nunca tomaron forma real por considerar
os patróns que se quedaban curtos para as necesidades reais e por mor das
dificultades económicas que suporía afrontar as obras e as xa necesarias ampliacións.
E así foi pasando o tempo e o que se
pensaba que sería unha solución temporal durou corenta anos. O Padroado
esmoreceu co tempo pero sen chegar a desaparecer de todo íase renovando nalgún
dos seus membro de cando en vez.
Unha desas novas incorporacións sería
a de Gaspar Massó que...
(Continuará)
Fontes:
Arquivo Municipal de Bueu, Párroco Ángel Rama Lestón e
conversas con amigos como Manuel Gutiérrez, Mª
Eugenia Bolíbar,...
[1] De niveis de párvulos, elemental e superior. Tamén pretende ampliar
estes centros cun de adultos.
[2] Aproveitando a disposición do concello polo legado de Esteban A. del
Río e onde hai grupos anglicanos con actividade significativa, sobre todo en
Cela.
[3] Por esta e outras razóns,
que trataremos no seu momento, o lugar ‘pensado’ nun principio era no que agora coñecemos
coma Parque do Ramal dos Galos ou da Biblioteca.
Ningún comentario:
Publicar un comentario