10/04/16

Lembrando a uns veciños de Bueu...


Por pensar en socialismo ou por militar en organizacións mariñeiras quitóuselle a libreta de pesca[1]. E, entre outras cousas, non podía traballar no mar, fonte do sustento familiar. Non é de estrañar que se lle agreara o carácter...
Á muller, costureira, por facer unhas camisas de encargo foi seriamente amoestada e estivo  a piques de ser rapada... Esquecíame, as camisas eran da cor das xuventudes socialistas.
E a pesar de todo...
Agochada detrás dun cadro no que os avós, coma mudos notarios, levitaban coa mirada perdida no recordo estaba a imaxe mais prezada. Imaxe que representaba liberdade. Unha liberade que lles custara moitos sufrimentos a eles e aos seus fillos. Transixiu en moito pero non se desfixo da foto pois servíalle de ancora e facho de dignidade. O risco valíalle a pena!
Nin cando chegou a “democracia” os medos deixaron vela faciana da ‘República’. A dor e o segredo perdéronse na memoria e leváronse á tumba.
Tempo despois foi rescatada pola man amiga da familia. Pero xa non di nada, ou, se o di, non se entende, fala noutra linguaxe. Unha linguaxe cicelada polo medo onde as palabras modificaron o seu significado como: a “liberdade de expresión” que trocou a “Pasou a censura”; onde “república de “cousa ou interese público dunha comunidade” cambia, ironicamente, a “lugar onde reina o desorde”; “anarquía” pasa de “doutrina que propugna a supresión do estado” a “desconcerto, incoherencia, barullo”,  etc. 
Non sei se me gusta que a xente se envolva en bandeiras pero respecto se o fan. Por iso desempoo a mesma foto que iste veciño tiña agochada para que recupere a liberdade e a luz. E grite, se así o dexesa, o que lle gustaba pensar ao seu dono, e que ten gravado ao pé coma lema: Viva España! Viva a República! 


[1] Tras un tempo puido recuperala grazas á amizade con Gaspar Massó.

2 comentarios:

Miguel García García dixo...

Unha bonita historia e mellor escrita. Grazas por compartila

e © de Arturo Sánchez Cidrás (Un de Loira) dixo...

Grazas Miguel! Co paso do tempo, e a medida que ía coñecendo máis datos, parecíame unha historia engaiolante. Deixeino na recámara... e cando un día, por casualidade vin o cartel non tiven dúbidas e berrei, Eureka! Quero dicilo, simplemente dicilo aínda que sexa como un pequeno esquema que resume moitas vidas, moitas ideas, moitos sufrimentos,...