25/04/16

Padroado San Xosé – III

Capela vella-Debuxo Fernado Otero
O obxectivo dalgúns destacados bueuense, de acadar a construción dunha capela e escolas para os fillos dos mariñeiros en Bueu víase lonxe, e mesmo utópico. Os proxectos estaban estancados e para comezar tiveron que buscar acubillo; e este atopouse provisionalmente, grazas á xenerosidade dos propietarios Dn. Antonio Nores e Dna Carmen de la Rúa, na ‘capela vella”.
Por iso e coa intención de  promover os traballos precisos para chegar conseguir unha gran ‘Capela-escola’ que Bueu precisaba, creouse o antigo Padroado San Xosé para xestionar este patrimonio. As actividades funcionaban con múltiples carencias de espazo, hixiene, etc., que polo 1946 víase agravado pola existencia no baixo da Escola dun taller de mecánica ou carpintaría polo que “resultaron sempre dificultosos e ata irrespectuosos ambos servicios da fundación”.

Entre os vogais que se foron incorporando estaba Gaspar Massó que no verán de 1946 decidiu tomar as rendas ao ver que o Padroado carecía da autoridade necesaria para o labor, que con urxencia precisábase, de tentar construír dunha vez por todas un centro educativo e unha capela. Para o cal decidiron refúndanse como Padroado e dando entrada a un representante do concello, outro da casa Massó Hermanos e outro en representación da mecenas Carmen de la Rúa Catani[1], ademais do que designaran o Arcebispo e o Instituto Social da Mariña (ISM).
Os medios económicos cos que contaban para presentarse ante os posíbeis Patróns da nova Fundación (7-10-1946), eran:

  • Os fondos pro-capela na casa Massó Hnos.
  •  Os fondos da  manda testamentaria de Dª Visitación Estrada (viúva de Galup) en poder do Arcebispo.
  • Os da Fundación Manuela Fraguas.
  • Doazón de Massó Hnos: Importe da cesión da fábrica “Roiba” á dirección de Turismo[2].
  • Segunda doazón de Massó Hnos de dar froito a operación anterior.
  • A disposición dos actuais propietarios dos terreos, Dª Carmen de la Rúa Catani e o seu esposo D. José Mª Mora Ruíz, de doar os terreos precisos para o emprazamento.
  •  Compromiso da Casa Massó dunha subvención anual de 6.000 pesetas para o sostemento, a partires da inauguración da obra.
  • (E como suxestión ao Concello) Todas as mostras de peixe poxado na Lonxa pasase a beneficiar á comunidade relixiosa[3] que se fixera cargo da ensinanza

  Días despois desta proposta (24-10-1946), na sesión do Concello valoraron positivamente o labor realizada, o estado dos traballos, ofrecemento obtidos,... pídese á Comisión de facenda informe para constituír un novo Padroado no que podería entrar o Concello. A resposta afirmativa darase na sesión Plenaria do 12-12-1946.
O proxecto era ambicioso xa que constaba dun novo edificio de capela, vivendas para unha Comunidade relixiosa, habitacións para o capelán e aulas para 500 nenos pobres, fillos de pescadores ou de xente modesta.
Con data de 26 de decembro de 1946 o Alcalde de Bueu, José Mª Massó, e demais membros da Corporación cursaron un oficio-invitación ao Arcebispo, Instituto Social da Mariña (ISM), Dna Carmen de la Rúa e a outras entidades sociais dándolles a coñecer os proxectos desta Fundación e indicándolles que sinalaran un representante propio para formar parte do novo Padroado. De todos recibiuse contestacións favorables.
Chegados a este punto constituíuse oficialmente o novo Padroado ‘Pro capela-escola San José’ o 29 de xullo de 1947 quedando como segue:
Presidente: José Mª Massó García, alcalde de Bueu
Vicepresidente: Ángel Rama Lestón[4], cura párroco de Bueu
Tesoreiro: Gaspar Massó García (membro da antiga comisión)
Vogais: Gonzalo Torrente Piñón (Axudante militar de Mariña); Américo Otero Enero, 2º Tenente de Alcalde
Secretario: José Cerqueiro Malvido, Oficial Maior do concello e membro da antiga comisión

(Continuará)

[1] Sobriña e herdeira do Sr. Antonio Nores. Gaspar Massó foi o primeiro en solicitarlles a cesións duns terreos como algo fundamental para facer realidade o proxecto Capela-Escola. Dixeron que si e que xa o habían proposto eles con anterioridade.
[2] Expediente en trámite polo Ministerio de Gobernación
[3] A familia Massó tiña en mente a creación dun centro xestionado por relixiosas. Cando isto non foi posíbel eles o propiciaron facilitando instalación e financiación do que co tempo xermolaría no actual Colexio Virxe Milagrosa de Bueu.
[4] O 4 de xullo de 1947 é nomeado, polo arcebispo Fernando Quiroga Palacios, como delegado seu no Padroado.

Ningún comentario: