Coma primeiro acordo do novo Padroado
San Xosé foi que se encargaran os Proxectos técnicos da Capela-escola. Neste
caso foi aos arquitectos Francisco Castro e Pedro Alonso.
Posteriormente o Padroado reúnense
para estudar o proxecto presentado o 9-1-1948 e, na mesma sesión, o aproban e
deciden remitirllo á Confraría de Pescadores para o seu estudo e ao Concello,
para que este o faga seu e realice os trámites precisos.
Como xa mencionamos cunha finca que
pertencía a Carmen de la Rúa Catani e foi doada[1]
pola mesma para o uso exclusivo de Capela e escolas comezouse un Expediente
para expropiación de terreos coñecidos por Chan de Barca ou Silveiras, do
barrio da Praia, que contou con seis fincas, todas elas de labradío, cunha
superficie de 1.407 m2 polas que se pagaron 20 pesetas/m2
cun aumento do 3% coma prezo de afección. O que dou un montante de 28.984,20
pesetas[2].
Na reunión do Padroado do día 2 de
outubro de 1948, Gaspar Massó doaba, no nome da empresa Massó Hns, 65.000 pesetas[3]
que puña desde ese momento a disposición do Padroado.
Ao ser conscientes de que aínda con
eses cartos e coas previsíbeis novas aportación sería imposíbel facer frote ao
total da obra é polo que autorízase a cesión do proxecto ao Instituto Social da
Mariña[4].
Para todo o cal entraron en xogo todo o potencial de influenzas dos irmáns
Gaspar e José Mª Massó. Obxecto que conseguiron o 3 de marzo de 1949.
Houbo dúas Sesións do Concello[5]
para autorizar e confirmar datos no Rexistro da propiedade, exención de cargas
para antigos propietarios, cesión das mesmas, etc.
Logo tamén houbo dúas relevantes Sesión
da Permanente do Concello para poder ofertar aos organismos estatais os
proxectos:
- A Permanente de 9 de marzo de 1949 para vela Actas polas que se interesa os pagos das parcelas expropiadas e autorizar se liberen inmediatamente as sumas correspondentes para facer o pago das mesmas e para o outorgamento das escritura.
- Na Permanente do 1 de xuño de 1949, cos terreos pagados[6], autorízase o outorgamento de escritura en favor do Instituto Social da Mariña, representado polo Axudante de Mariña de Bueu, Gonzalo Torrente Piñón.
“Interesa
grandemente ao concello de Bueu, eminentemente pesqueiro con 2.000 mariñeiros,
na súa maioría cabezas de familia, poder contar cunha barriada para os
traballadores do mar, e cunha Capela-Escola que lle permita o cumprimento dos
seus deberes relixiosos, atendendo á vez a ensinanza dos seus fillos xa que
disponse de terreos próximos á praia para a barriada de que se trata, distante
uns 500 metros dos da Capela-escola, contigua á estrada e con amplitude para
deportes e campos de experimentación”.
Estes terreos foron cedidos
oficialmente, cos destinados para o “Poboado de pescadores”, ao Instituto
Social da Mariña (ISM)[7] o
18-7-1949.
Gaspar Massó segue (1951) na busca de
conseguir cada vez máis adhesións e recursos para esta grande obra como cando
pon ao Arcebispo Fernando[8] en
situación do Padroado, obras, presupostos, entidades participantes,
donantes,... e lle solicita as 57.700 pesetas máis os intereses acumulados, do
mandato testamentario de Visitación Estrada Galup (viúva de Herrerín)
depositadas no arcebispado, que segundo vontade da testadora debían aplicarse
en escolas en Bueu. Ou como as insistentes peticións ao Instituto Nacional da
Vivenda para que cumpran a promesa realizada polo seu máis alto rexedor, de
500.000 pesetas
A Confraría de Pescadores de Bueu
pídelle, por esas datas, ao ISM que teña en conta as necesidades de Bueu e constrúa,
polo menos, unha capela e unha escola de tres clases e tres vivendas para
mestres. A partir deste momento o I. S. da Mariña comprométese á construción do
grupo de escolas, pero recoñece que “organismos
á súa vez superiores vétanlle a construción da Capela nas dimensións
presentadas nos planos do proxecto, xa que consideran que as actuacións
relixiosas do grupo escolar quedarían satisfeitas cunha capela máis modesta”.
Para o seguimento das obras e xestión
das mesmas o Padroado constituíao nestas datas: Ángel Rama Lestón (cura de
Bueu, como delegado do arcebispo[9]),
Gaspar Massó García (pola empresa Massó Hnos e pola propietaria Carmen de la
Rúa), Gonzalo Torrente Piñón (polo Instituto Social da Mariña), José Juncal
Freire e José Cerqueiro Malvido (polo concello).
(Continuará)
[2] Ao que houbo que engadirlle 6.396,40 pesetas dos Dereitos Reais do
documento notarial (26-10-1949) e de 340,50 pesetas polo conxunto no Rexistro
da propiedade.
[3] O dobre do que conseguirán pola venda da Fábrica de salga da Roiba
(Beluso).
[4] Tamén habería que ter en conta as realizadas co Instituto Nacional da
Vivenda pois no “paquete” incluíuse 50 vivendas para pescadores.
[5] Unha o 25-11-1948 e 30-12-1948.
[6] Coa excepción dunha parcela por “resistencia
do interesado á cesión”.
[7] Ante o notario de Marín, Hipólito Hermida Oubiña. E dunha parcela que
faltaba o 26 de xuño de 1951.
[8] Tamén acudiu a el para que influíra ante organismos estatais para
conseguir axudas.
[9] O 4 de xuño de 1949 foi nomeado arcebispo de Santiago, Fernando
Quiroga Palacios. No 1952 investido cardeal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario