Cando escribo isto comezou o novo curso
escolar de música da Banda de Bueu e, ao acompañar a miña neta a unha das
actividades, pareime, unha vez máis, a ler o que na porta de entrada da CASA DE
MÚSICA MANUEL OMIL pon do mestre, compañeiro, confidente e amigo Manolo, ou
como moita xente o coñecía “Don Manuel O
Pirigallo”.
De Manolo podería comentar moitas cousas
como persoa, como mestre ou músico (ou como reza no texto citado, polo “seu
amor pola música”) pero non o vou a facer agora. O que si quero é incidir nun feito puntual, para min relevante: O intento de D. Manuel Omil de formar unha banda de música.
Tal como acorrera no ano 1923 que houbo un
primeiro intento de formar unha Banda Municipal en Bueu e a tal fin anunciarase
que se daban clases de solfexo e música nos baixos do Concello, por D. Miguel
Paratcha.
Algo semellante quixo facer Manuel Omil o
2 de agosto de 1951 senón vexan o oficio que lle enviou ao Sr. Alcalde
Presidente do Concello de Bueu:
“Moi Sr. meu: Permítome molestar a súa atención para darlle
conta de que desde fai varios meses, veño dando clases de solfexo a un nutrido
grupo de rapaces desta vila, co propósito de formar no seu día unha banda de
música. Non necesito poñer de releve ante Vd. os beneficios que elo reportaría
moral e materialmente a este pobo. Dáse sen embargo, a circunstancia de que a
case totalidade destes xoves, carecen dos medios económicos suficientes para
adquirir o instrumento axeitado. Por elo atrévome a suplicarlle dígnese dar conta
do particular á Corporación que tan acertadamente preside, a fin de que se fora
factible, concedese a subvención necesaria para facer realidade tan anhelado
propósito.
Co maior respecto saúdalle
F/Manuel Omil Estévez”
A resposta por parte do concello foi
favorábel xa desde o primeiro informe da Comisión de Facenda:
“Examinada a petición
de D. Manuel Omil Estévez e considerando que toda axuda que se preste á
educación dos nenos, en calquera aspecto que sexa, sempre será beneficiosa,
esta Comisión decídese a propoñer que o presuposto do inmediato ano de 1952,
figure unha consignación non inferior a 1000 pesetas que sirva para
subvencionar a formación de masas corais ou bandas de música, cando poida
apreciarse a utilidade destas organizacións, podendo tamén ser invertido o crédito que se abra en
instrumental, locais, uniformes ou exixencias análogas.
Non obstante a
Permanente acordará o que estime máis acertado.
Bueu a 15 de outubro
de 1951”
O que foi aprobado pola Comisión Municipal
Permanente do 17 de outubro de 1951.
Pero tal como pode lerse no texto da porta,
anteriormente mencionado: “…pero este proxecto non chegou a bo porto
polas circunstancias da época".
Ningún comentario:
Publicar un comentario