11/11/16

Exposición de Fotografía en Bueu

Hoxe a Asociación Santos Reis organiza a súa XVII Mostra de Fotos Antigas co gallo da celebración das festas patronais do San Martiño. E xa van 17 anos ininterrompidos que se ven de mostrar o máis de medio millar das caras de Bueu dende hai máis dun século. Hai que agradecer o esforzo continuado dos membro da asociación e en especial do labor de J. Manuel Dopazo.
Ao longo do tempo o Círculo Náutico, Asociacións como As Lagoas, Amigos da Biblioteca,... ou fotógrafos profesionais fixeron, entre outras moitas actividades, exposicións de Fotografías. Pero agora quero lembrarlles unha moi especial, por moitos motivos, que se titulou 'Exposición de Fotografías da Vila de Bueu' (un 27 de agosto de 1978) que foi posíbel grazas á man entusiasta de José Antonio Agulla, Xaime Toxo, Afonso Fernández e Francisco Rodríguez Pastoriza. Celebrouse no exterior da Praza, ao “arredor da Fonte da Dorna”.
No xornal La voz de Galicia do día anterior anunciábase o evento así como as circunstancias da localización do mesmo nos seguintes termos:
BUEU: EXPOSICIÓN DE FOTOGRAFÍAS DA VILA
Recolle cousas dende o comenzo do século hastra os nosos días
Mañán, despois das 11 da mañán, arredor da Fonte da Dorna, presentaráse unha escolma de fotos da nosa vila. O contido serán súas xentes, paisaxes e as súas cousas dende comenzos do século deica hoxe.
Froito da recolleita levada a cabo por un grupo de veciños, dun material que dende fai moitos anos agarimosamente gardaron unhas familias de Bueu.
Laiámonos, nembargantes, non poder mostrar máis ca un día, xa que o úneco local axeitado pra estas actividades, como é a Casa do Mar de Bueu, foi negado, disque por non ser iniciativa dos mariñeiros xubilados nin ter a mostrar nada que ver co mar, inda que en Bueu, non se conceibe ningunha manifestación cultural da nosa vila que non leve implícito o mar.


Ningún comentario: