01/11/16

Bueu: As fábricas de conservas e a igrexa

Pese ao título non vou a afondar na relación política, económica, social, etc. das fábricas e a igrexa. Relación que non estaría cinguida exclusivamente a un achegamento dos seus propietarios e a xerarquía relixiosa, como ‘poderes fácticos’, senón que este se complementaría co ‘poder real’ non só municipal, supramunicipal,... e así ata chegar ás instancias máis altas do estado.  
Vou centrar esta Entrada do blog en presentar algúns momentos no tempo, e no concello de Bueu, ao redor do traballar en domingo contravindo ou apelando ás excepcións das ordenanzas, as leis do estado e ata as leis da igrexa ( coa máxima:  respecta o día do Señor”) ou como di a Biblia no 3º Mandamento con “Santificarás as festas”: Acórdate do día de repouso para santificalo. Seis días traballarás, e farás toda a túa obra; mais o sétimo día é repouso para Jehová teu Deus; non fagas nel obra algunha,  ti, nin teu fillo, nin a túa filla, nin o teu servo, nin a túa criada, nin a túa besta, nin o teu estranxeiro que está dentro das túas portas” (Éxodo 20, 8-10).

ORDENANZA MUNICIPAL DE BUEU 1899
EXEMPLO DE SOLICITUDE PARA TRABALLAR NA FÁBRICA DE ALONSO de 8-12 h. NUN DOMINGO
Domingo 15 de maio de 1938
Que tratando de cumprir o Real Decreto-Lei do Descanso dominical pretende de acollerse ás excepcións do mesmo xa que “habéndoselle avariado dúas máquinas nestes días e tendo unha regular cantidade de latas de conservas sen pechar polo dito defecto, para evitar os prexuízos que dilo puidesen sobrevirlle”.
Para servirlle de aval presenta unha carta manuscrita do cura párroco que, entre outras, “considera o caso sen responsabilidade moral”:
“Trátase dun traballo de perentoria necesidade e danse garantías de tempo para que se poidan cumprir antes cos seus deberes relixiosos, e evitar calquera escándalo no pobo, a autoridade eclesiástica considera o caso sen responsabilidade moral.
Bueu, 14 de maio de 1938      Ano Triunfal!
Saúdo a Franco: Arriba España!
Ángel Rama Lestón
Párroco”
Con todos estes requisitos a Delegación Local do Consello de Traballo da o seu Permiso de excepción do descanso municipal
 
 

MISAS NAS FÁBRICAS DE MASSÓ
Nunha carta, 7 de febreiro de 1951, ao Arcebispo de Santiago, por parte do Xerente da Fábrica de Massó para solicitar unha recomendación ao Director do Instituto da Vivenda e que “se dera cumprimento ao mandato da falecida testadora Dna. Visitación Estrada Galup viúva de Herrerín, cuxos fondos en poder do Arcebispado por pesetas nominais débeda interior 4% 57.700,- máis os intereses acumulados” para axuda das obras emprendidas do Padroado San Xosé vemos que se inicia nos seguintes termos:
Fai xa anos que por ese arcebispado obtivemos a singular merced de poder celebrar a Santa Misa nas nosas fábricas de Bueu e Cangas (Pontevedra).- A pasada tempada de pesca foi tan anormal que obrigounos a traballar case todos os días festivos do verán.- En consecuencia, máis de 2.000 obreiros puideron beneficiarse da Santa Misa oficiada polos Sres Párrocos de Bueu, D. Ángel Rama Lestón e polo da Parroquia de Darbo en Cangas, D. Francisco Lariño, respectivamente.-
Como a Parroquial de Bueu está a un quilómetro distante do pobo e a Misa celébrase para a veciñanza nunha Capela [A Capela Vella] que se improvisou na Praia nun edificio vello e en malas condicións, con pequena capacidade para fieis, a circunstancia de reter aos obreiros na fábrica, aliviou considerablemente a conxestión de dita Capela.- Pero isto nin é frecuente en días festivos, nin resolve tampouco o problema fundamental do edificio apropiado e decoroso para esta Capela auxiliar para todo a numerosa veciñanza que vive na Praia, centro do Pobo”.



Ningún comentario: