O día 26 de novembro de
1938, pouco despois das 9 da noite, Perfecto García Lemos achábase na compañía
duns amigos nunha casa de comidas preto da súa vivenda e solicitaron ao
taberneiro lles servira unha última copa. Vendo isto un Axente de Policía Marítima
do Distrito de Bueu o recriminou por estar expresamente prohibido o consumo
de alcol nas tabernas, bares e casas de comidas de toda a provincia, a partires
da primeira hora da noite, por orde do Delegado de Orde Público. Ao parecer o fixo de non moi bos modos, o que
provocou un pequeno altercado entre ambos incrementado pola exixencia de
respecto reclamada por Perfecto García ao sentirse investido de autoridade como alcalde que era do
concello de Bueu.
O incidente xerou unha
denuncia ante o Gobernador Civil do Axente de Policía Marítima. Denuncia que se
transformou un mes despois nunha comunicación do gobernador que “autorizado pola Superioridade” decide cesalo no seu cargo e substituílo,
como alcalde, polo Xestor da Corporación, José Mª Massó García que toma
posesión do seu cargo ás 11 horas do día vinte catro de xaneiro de 1939 en
detrimento do que viña exercendo como tal, Perfecto García Lemos. Na acta “Promete o D. José Mª Massó García cumprir
ben e fielmente o seu cometido dándose por tomado posesión da Alcaldía e
despois de cambiar frases de saúdo e mutuo afecto entre o Alcalde que cesa e o
entrante...”
Ningún comentario:
Publicar un comentario