A supresión das Ordes
relixiosas e, como consecuencia desta, as Exclaustracións dos relixiosos
promulgadas, sobre todo no 1820 e 1835 foi un ataque directo ao estamento
relixioso que defendía postulados absolutistas, tradicionalistas... (encarnado
nos carlistas) contrarios ao pensamento liberal no poder por esas datas. Tamén
foi preludio a un novo asalto ás grandes propiedades ‘improdutivas’ que os
mosteiros posuían. O fixeron a través de leis de Desamortización, como a de
Mendizábal[1]
(1836-37), que afectaron basicamente ás propiedades pertencentes ao clero
regular.
Con data 1 de xaneiro de
1839 a Dirección Xeral de Estudos do Goberno central acordou unha serie de requisitos
para que os relixiosos exclaustrados e outros[2]
puideran establecer escolas públicas de primeira educación, u optar ás dotadas nos
pobos sen facer os exames para mestres de primeiras letras. Para iso tiñan que
solicitar o título acreditativo presentando os seguintes documentos: certificado
de nacemento, certificado de boa conduta, partida de bautismo e atestados do
concello e do párroco do pobo de residencia, grados literarios, etc. para, á
vista dos documentos resolver se poden ser eximidos ou non do exame.
A raíz disto parece ser
que un monxe exclaustrado, Lorenzo Pereira, residente en Cela eleva unha
instancia coa solicitude de exención de exames acompañándoa coa documentación
pertinente, ao Xefe Político e Intendente de Pontevedra, José Valladares[3].
Este solicita á súa vez ao alcalde de Bueu, Salvador Marty, que lle informe
sobre a conducta política e moral do solicitante:
“Para resolver
sobre unha instancia presentada neste goberno político por D. Lorenzo Pereira,
relixioso exclaustrado do extinguido convento de Sn Francisco de
Monforte, veciño de Sta María de Cela, acordei que ese Concello me
manifeste canto lle conste ou poida indagar sobre a conducta política e moral do
suplicante, a quen fará V. entender que debe xustificar por medio de
certificación non estar suxeito ao servicio militar.
que a V. ms a Pontevedra 26 de Agosto de 1939
José Valladares”
Da resolución
administrativa nada sabemos. A resposta a estar ou non suxeito á obriga do
servicio militar si coñecemos que tivo que ser negativa dado que nese mesmo ano
Lorenzo Pereira estaba nas listas da Quintas para ser soldado e no reparto e sorteo
de prazas, do 9 de febreiro de 1839, celebrado no concello ante o alcalde
primeiro Manuel González, sae exento da obriga do servizo obrigatorio.
E con respecto aos titulados
como mestres no concello de Bueu dicir que non figura como tal ata o ano 1844.
Polo que ata agora seguimos sen saber se lle deron ou non o titulo de mestre de
primeiras letras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario