03/07/17

Xentes de Bueu con escravos

Non é nada estraño a relación de xentes de Bueu coa escravitude. A pesar de que os que imos a citar son os casos de persoas relacionadas con Bueu que están mellor documentados non son os únicos. Algúns casos máis foron transmitidos oralmente e se referían non tanto a ter escravos na casa como a traficar con eles formando parte de barcos negreiros. Algunhas das fortunas do século XIX e primeiro cuarto do s. XX proviñan desta actividade ilícita. Coñecido era o caso dun de Cela que estando en Cuba dedicábase ao tráfico de persoas graza ao cal mercou moitas propiedades na súa parroquia e no centro de Bueu...

Ano 1562
De Francisco Gago, párroco de Bueu temos constancia documental de que capitaneaba as violentas accións de fregueses do Hío, Aldán e Beluso contra os atalaieiros dos cercos de Cangas. Certo día advertido de que o atalaieiro Alonso Vidal intentou cortar a redes das sacadas do cura e dos seus fillos Francisco e Juan armouse cunha bésta e unha espada. E así, acompañado do seu escravo, cunha lanza, foron detrás do Alonso Vidal que fuxiu cara o seu barco. Pero o cura entrou no barco detrás del e quixo que se dese por preso mentres tanto os fillos e o escravo o atacaban coas armas facéndolle unha ferida nun “braço que lle romperon coiro e carne e saíu sangue...” 
A.Reino Galicia Secc. Veciños Mazo 17465/11, sf.    


Ano 1698
A través do testamento do abade de Bueu e Comisario do Santo Oficio, Fernando de la Rúa e Freire, temos coñecemento que lle deixou ao seu sobriño Baltasar Melchor de la Rúa Freire un escravo  chamado Domingo San José que tiña na súa casa. Este “escravo, mosso alto de corpo, cunha cruz nos peitos, ao lado dereito e outra no braço do mesmo lado que non se declara ben; o cal mercara, fai moitos anos e como tal escravo lle servira na casa fielmente.”
Aínda que o testamento poñía que o escravo lle serviría por espazo de catro anos, Baltasar Melchor acudiu ante un escribán para darlle carta de liberdade “como se lexitimamente lle houbera servido ditos catro anos enteiros”.
A. H. Provincial de Pontevedra

Ano 1830     
 Esteban Antonio del Río veciño de Meiro no seu testamento deixou varias casas e fincas na cidade de Bos Aires e unha casa en Meiro, así como cartos, accións,.. Unha pequena parte do capital foi para o seu sobriño José Antonio del Río e o resto:
Declaro ser a miña vontade que meus dous escravos José e María queden libres despois do meu falecemento, encargo ao meu testamenteiro lles outorgue neste caso a súa respectiva carta de liberdade. Entregándolles ademais todos os mobles e roupas do meu uso, apeiros de labranza e cincuenta pesos a cada un remunerándolles dese modo seus bos servicios e encargándolles continúen prestarmos ata os meus últimos días. Ultimamente cedo en favor de María o Padroado que a Lei acorda sobre os seu fillos e ademais dono á súa filla Inés cen pesos que meu testamentario lle entregará dos meus bens [...]
É a miña vontade que meu testamentario reducindo todo a moeda metálica estableza e funde con todas as seguridades que esixe a Lei. Eu quero tres establecementos a perpetuidade no lugar de meu nacemento A Aldea de Meiro sendo o principal unha escola de primeiras letras; en segundo un facultativo Médico para asistir de gratis a todos os enfermos pobres da freguesía e ademais que esixan a súa asistencia, e o terceiro unha capelanía Eclesiástica coa obriga de dicir unha misa rezada todos os días festivos e de misa...”

Ningún comentario: