01/06/17

Xornal "La Esquina" - Bueu



Dende novembro de 1967 a febreiro de 1968 saíu á rúa un xornal-mural titulado La Esquina. O nome veulle dado por pretender ser un “espazo ou lugar onde comentar, criticar, informar ...” .
Curiosamente comezou a estar exposto na esquina fronte á de Ferrolán, (onde hoxe está o comercio de “A de Rosita” -Rosa Diéguez-). Nese lugar xuntábanse para falar, comentar, criticar, etc., cando o tempo o permitía, os homes que frecuentaban os bares e cafeterías próximas á intersección das rúas Pazos Fontenla e Eduardo Vincenti (Ferrolán, Bar Fénix, Bar Santaclara, Fazáns, ...).


Como ao estar á intemperie coa chuvia a tinta e as acuarelas dos debuxos manchaba todo e mesmo se desfacía, deron en poñelo, coa autorización de Luís Santaclara, na sala de TV do seu Bar.
Os talleres de impresión era o local da capela de San Xosé. A ‘tirada’ era de un exemplar e a periodicidade semanal. Os primeiros tres ou catro números eran un prego de papel de tamaño DIN A1 (84,1 x 59,4 cm). Logo cada exemplar pasou de un a catro pregos.
Os primeiros exemplares ían asinados coa autorización do alcalde José Mª Massó (idea que xurdiu dos mesmo ‘redactores’ para poñelo con tranquilidade).
A información eran columnas de noticias ou de inquietudes dos mozos que o confeccionaban relacionadas coa actualidade fundamentalmente de Bueu.
Exemplo dunha desas noticias foi cando apareceu reproducido (como imaxe da noticia) o azulexo da Biblioteca Popular que aínda pode verse na porta lateral do concello. Pero a columna ‘periodística’ estaba relacionada có misterio e dúbidas do que podería haber dentro do local. Era unha sátira por anunciarse unha Biblioteca e ninguén podía acceder a ela pois non existía en realidade.
Outros temas recorrentes era sobre as películas que poñían en carteleira. Para iso aproveitaban o folleto parroquial onde se facía a cualificación moral  das películas e, as veces, se alguén vira a película facía un pequeno resumo do argumento. Tamén chegáronse a criticar as condicións das mesmas instalacións do cine como foi o caso do artigo de José Antonio García onde denunciaba, entre outras, o cheiro e as malas condicións dos asentos.
Os promotores, redactores, impresores, etc. que particiron nel foron Paco González, José Riobó (Seso), Gonzalo Calviño, José Antonio García...

Ningún comentario: