03/04/20

Nota: Manteño a documentación tal e como está censurada. Engado un enlace de Facebook  para que, o que o desexe, poida ver as imaxes: https://www.facebook.com/arturo.bueu
 
Nesta II Entrada seguirei sen falar das enfermidades en si, senón dos aspectos xerais sobre a chegada das mesmas, e para iso comezarei transcribindo unha pequena nota aparecida no xornal Diario de avisos de La Coruña, o 27 de setembro de 1884 páxina 3 que nos da unha primeira idea ante a chegada dunha enfermidade descoñecida:
Hai quen afirma que a enfermidade que hoxe angustia en Francia, Italia, España e que ameaza por estenderse á Portugal, no é o cólera senón unha epidemia completamente descoñecida en Europa e que presenta os mesmos síntomas que aquel, se ben non é tan mortal. Os que tal din baséanse na razón lóxica de que o hospede asiático non avanzaría con tanta lentitude causando tan poucas vítimas e corroboran seu aserto cos exemplos que o pasado lles brinda.”
 A historia ensínanos que enfrontar crises médicas deste tipo é unha tarefa bastante difícil. Moitas veces as epidemias dobregaron aos pobos que as padeceron. Tanto é así que non é raro que a impotencia ante a adversidade, ou as crenzas, leven a algúns a invocar ao divino ou a algún santo protector:  Varias señoras desta cidade proxectan a celebración dunha novena a S. Roque, para que coa súa intercesión nos vexamos libres da epidemia.[1]
Outros, máis que poñer remedios abondosos, o que fan é mitigar un pouco as carencias que lle deron pulo á enfermidade como ocorreu na epidemia tífica de 1887 na illa de Ons: “... o tifos causa horrorosas vítimas nos humildes habitantes da illa de Ons, habendo elevado estes ao Gobernador unha instancia en solicitude de facultativo, medicinas e roupas. O Gobernador Sr. Fragoso ordenou, vaia a dito punto un médico da capital que estudie as causas do mal e propoña as medidas hixiénicas que poidan contribuír a cortalo[2]. E en contestación a este reclamo a actuación do poder central é a de: “Polo Ministerio da Gobernación, foron concedidas 1500 pesetas para remediar en parte a aflitiva situación dos habitantes da illa de Ons[3].

Descoñezo ao médico que foi enviado a Ons. Anos despois, primeiros do s. XX, outra vez por tifos lle foi pedido que acudise á illa, ao que co tempo sería dono de Ons, o Dr. Manuel Riobó, recen chegado de Filipinas onde durante un par de décadas fixo fronte con éxito a distintas epidemias (disentería, variólica, febres palúdicas, etc.). Aquí en Ons, xa dobregada a enfermidade, recibiu unha carta de recoñecemento do alcalde de Bueu e os parabén dos seus veciños.




[1] Na epidemia de cólera en Vigo. Diario de avisos de La Coruña do 12 de setembro de 1884.
[2] El lucense do 5 setembro de 1887.  
[3] Crónica de Pontevedra do 8 outubro de 1887.

31/03/20

Inicio con esta, unha serie de Entradas no blog relacionadas coa historia das epidemias que golpearon á poboación, coa mirada de Bueu.
O percorrido non será cronolóxico senón máis ben ecléctico pero que servirá para amosar as enfermidades infecciosas máis comúns que tiveron pegada no noso territorio e, sobre todo, nas nosas xentes.

Para contestar a esa pregunta, Que pasa en Bueu?, remontarémonos a 1924 onde na páxina 2 do 9 de outubro, o xornal El progreso que se cualificaba como ‘semanario independente’ facíalle esta mesma pregunta á Inspección Sanitaria Provincial. Transcribo o texto: “Fai algúns días que ouvimos alarmadas noticias referentes a unha estraña enfermidade que viña producindo vítimas entre os veciños do fermoso pobo costeiro.
Estes rumores, difusos nun principio, foron tomando corpo a medida que os días transcorren.
Moradores de Bueu afirmaron ante nós, que o número de atacados pola enfermidade reinante é con toda seguridade superior a sesenta e que os falecementos destes días exceden con moito ao triplo da mortalidade habitual.
Os modestos veciños de Bueu pregúntanse á hora de agora se o seu pobo pertencerá á provincia e se é certo que existen autoridades sanitarias chamadas como é presumible pensar a actuar en casos como este. Unha inspección local, outra inspección sanitaria provincial. Para cando reservan os seus bos oficios?
Realmente resulta estraño que cando en todo o pobo se fala diso con certa alarma, as autoridades competentes atópanse cos brazos cruzados e deixando aos pobos inertes ante a temida epidemia.
Diriximos estas liñas ao Sr. Inspector de Sanidade coa evidencia de que saberá acoller o noso aldrabada con aquela dilixencia que entendemos se merece, perseguindo, si é que o houbo, ocultación de casos sospeitosos de contaxio. En materia sanitaria, ata Marrocos está á nosa altura.
Non acudo a este artigo para, salvando as distancias, facer paralelismos cos momentos que estamos a vivir. Aínda que me sirve para poñer de manifesto que ‘Non hai nada novo baixo o sol’ (Nihil sub sole novum) e que a pesar das melloras históricas no sistema de saúde sempre hai e haberá moitas cousas que reclamar. E dende aquí reclamo todo o preciso para a seguridade de TODOS aqueles que arriscan as súas vidas para que outros poidamos vivir. Ase mesmo pido todo o que sexa preciso para aqueles que tratan de gañarlle o pulso ao COVID-19 e escapar da sega que este comezou.

Seguimos en Estado de Alarma por causa sanitaria, nada que ver co Estado de Alarma de Zapatero e lonxe daqueles decretos que substituían ao Estado de Guerra no 1934[1] e 1935[2] de Niceto Alcalá-Zamora, etc. Esta vez sí nos xogamos a vida co mesmo. Polo que temos que seguir a ser responsables! 
Xa queda menos para saír deste pesadelo!
Ánimo!   

[1] Gaceta do 26-4-1934  no Artigo único “Declárase en todo o territorio nacional, incluso nos de Soberanía, o Estado de Alarma….”
[2] O 6 de febreiro de 1935 prorroga 30 días o Estado de Guerra, pero en certas zonas do país. Noutras séguese co Estado de Alarma declarado o 23 de xaneiro de 1935.

01/03/20

O habitual dende finais do s. XIX ata hoxe é que no Entroido bueués sempre, ou case sempre, houbese algunha comparsa do mesmo concello polas rúas deste pobo.
Mais que non houbera agrupacións bueuesas que puxeran colorido local ás rúas non quer dicir que a festa do Entroido tamén estivera ausente. Moi ao contrario, senón mirade as alusións nos xornais aos bailes de sociedade e aos disfraces que lucían nas noites de Entroido. E ata a presidencia dalgunha Murga/Comparsa do pobo veciño que nos visitaba tiña referencia local, neste caso o conserveiro Attilio Gaggero.
A modo de exemplo, poñemos coma testimuña documental unha nota saída no xornal  Galicia publicado en Vigo o 15 de febreiro de 1923 na páxina 2 onde di:
Do Entroido

Observouse o martes a mesma desanimación que nos días precedentes, e a non ser por unha comparsa de Cangas, en nada se houbera notado a presencia de ‘Momo’.
A Agrupación “Los Trovadores”, da inmediata vila de Cangas, deu motivo para que a xente se botase á rúa e se aplaudise a boa afinación de voces e a esmerada execución pola numerosa rolda.  A letra e música, obra do inspirado señor Tenreiro, chamou xustamente a atención.
Dita comparsa visitou ás autoridades, saudou ao seu presidente nesta localidade o distinguido xove señor Gaggero, en cuxo domicilio foi esplendidamente obsequiada.
Máis tarde visitou a sociedade Liceo Casino e diversas casas particulares.
Liceo Casino
O baile do martes en nada desmereceu do celebrado o domingo. O elemento máis xove sempre disposto a lucir a súa destreza nos bailables modernos e exóticos, animou a festa ata a madrugada.
Houbo disfraces moi vistosos e chamaron a atención algunhas máscaras interesantes.”


Se queres saber algo máis do Entroido en Bueu a Revista de referencia é O Candil nº 24 “100 anos de entroido en Bueu” onde poderás coñecer a centos de comparsas e ler centos de letras: http://bueu.esy.es/Revistas/O%20Candil/24.pdf

01/02/20

Calquera noticia así sorpréndenos e lamentamos as posibles causas desa decisión. Cando o comento, o que máis descoloca é que sexa un cura o suicida. Pensándoo ben non debería ser así pois, como calquera outra persoa, chega a esa fatal resolución por motivos similares.
O suicidio do cura José Louzao foi o mércores 17 de xullo de 1918 e a noticia saíu no Diario de Pontevedra dous días despois nos seguintes termos:
Suicidio dun sacerdote.
O coadxutor da vila de Bueu, D. José Louzao Andión, suicidouse antonte disparándose un tiro de escopeta no hipocondrio esquerdo.
Realizou o feito no dormitorio da súa casa do lugar de A Graña, ás doce da mañá, aproximadamente.
A perdigonada, prodúzolle  grandes esnaquizamentos no corpo.
A arma que empregou para realizar seus fatais propósitos, cuxas causas descoñecemos aínda, era da súa propiedade.
Inmediatamente de ocorrido o suceso, comezou a instruír dilixencias o xulgado municipal de Bueu, quen telegraficamente o puxo en coñecemento do xuíz de instrución desta capital.
Este ordenou que se lle practicase a autopsia e dera sepultura ao cadáver.
Onte verificouse o enterro do desgraciado sacerdote, concorrendo ao acto case todo a veciñanza daquel pobo”.
Ata aquí a lutuosa noticia e descrición da mesma. O que chamou con posterioridade a nosa atención, e volvémola a retomar, foi a nota que saíu na primeira páxina de El Correo Gallego, naquel momento Decano da Prensa Provincial de A Coruña, onde na sección de humor “De la vida amena”  a utilizaba a ‘chirigota’. Inxustificable tal licencia e solo mitigada a súa transcendencia obxectiva polo afastado da redacción (Ferrol) e por mofarse da expresión do xornalista non do feito lutuoso en si.

De vez en cando aparece algunha noticia relacionando o incremento de suicidios cos problemas sociais, coa crises, co auxe das enfermidades depresivas, etc.
Os datos que mostran as estatísticas non diferencian de  forma clara países ricos ou pobres, moi ou pouco poboados, de unha zona ou outra do planeta. E todo porque o problema é complexo e as causas dispares. Por poñer uns exemplo: Poucos poderíamos imaxinar que Grenlandia, con 61.000 habitantes teña un promedio de 83,0 suicidios[1] seguida de Rusia, con máis de 140 millóns cun de 34,3, ou Francia cun 17,6, ou Arxentina cun 14,2, Países Baixos cun 9,2 ou España cun 7,6...
Significativo é que os suicidios sexan en España o factor máis importante das mortes por causas non naturais.
Penso que o problema habería que abordalo con normalidade e niso a política económica, sanitaria e educativa terían moito que dicir e que facer. Amén das reformas penais ... abordar Eutanasia, Suicidio Asistido e un longo etcétera arredor deste ‘agochado’ problema.
 **********
Información coadxutor José Louzao Andión:
1901.- Foi promovido á tonsura
1905.- Era capelán de Santa María de Rubín (A Estrada)
1906.- Seguía en Santa María de Rubín pero tiña unido a anexa de Lamas
1911.- Ao falecer o párroco de Rubín (Antonio Vázquez) foi nomeado Ecónomo da mesma.
1917.- Foi nomeado (31 de outubro) coadxutor de San Martiño de Bueu



[1] Por cada 100.000 habitantes

01/01/20

Rematamos un ano e comezamos outro… por todo o cal desexarvos a todos un esperanzado 2020 afastado de riscos e incertezas.
Como última e primeira noticia desta noite, a cabalo de dous anos, é para presentarvos un novo xornal do que ata hai uns meses descoñecía ata o nome.
Chamouse ou pretendían chamarlle «El Pronóstico». E, aínda así, o único que sabemos é que no mes de xuño e agosto de 1886 anunciábase a súa aparición e a súa tendencia “xornal satírico”. O problema é que non chegou a nós máis referencia que as dúas mencionadas (en La Gaceta de Galicia e El Correo gallego) polo que só nos queda esperar que o destino preservara algún exemplar agochado nalgún recuncho.
O mesmo quixeramos para outros xornais bueueses como «El Relámpago», «La Voz de Bueu», etc.
Vou facer unha breve lembranza dos xornais de Bueu ao longo da historia poñendo os enlaces onde poder velos ou ler algo dos mesmos:

«El Relámpago»:
Xa en maio de 2016 fixera unha entrada titulada «127 anos do xornal El Relámpago» xornal que viu a luz o 26 de maio de 1889 publicado e estaba dirixido por Salvador Avilleira que segundo decía “só defenderá os intereses xerais da provincia e moi especialmente os desta vila: alleo por completo a toda clase de política”. E como lústrego que foi só se publicou un exemplar.
http://acidras.blogspot.com/2016/05/127-anos-do-xornal-el-relampago.html

 
«La Voz de Bueu»:
LA VOZ DE BUEU, xornal que aparece do 14 de febreiro de 1904 ata o 26 de maio de 1906 (120 números), definíndose así mesmo como "Semanario defensor de los intereses generales". Estaba administrado por Francisco Pardo e dirixido por Ramón Galup Maneiro. Na actualidade soamente se conserva un exemplar orixinal no Museo de Pontevedra, por canto a colección completa encadernada que existía nos fondos do Concello foi extraviada (=”alguén a ten”). Por tal motivo, do resto dos exemplares tan só se poden mirar fotocopias parciais ou ler resumos citados no libro de José Mª Estévez, RECONOCER BUEU.


«El Adelanto»:  
Sae á rúa o 11-8-1912 definíndose coma "Periódico quincenal independiente". Dirixido por RICARDO PORTELA PAZOS co seguinte equipo de redacción: Claudiano García Santaclara.- Cesáreo Ferradas Dominguez.- Rogelio Val.- Jesús Domínguez.- Luis Bolibar.- Ignacio Lis.- Amancio de la Cueva.- José García.- Ventura García.
A súa información era especificamente local e política. Consérvanse, recuperados pola Asc. Amigos da Biblioteca y Pin Cabanillas, os 34 primeiros números (ata ó 16 de novembro de 1913) de catro páxinas cada un, estando a última dedicada á publicidade local.
http://villadebueu.blogspot.com/2012/11/hace-100-anos-el-adelanto.html

«La Esquina»:

Xornal-mural de Bueu 1967-1968.

«O Tinteiro de Papirus»: 
Aínda que podería cualificarse coma revista escolar o poño aquí por ter saído (5 números, de marzo de 2008 a xuño de 2009) con formato habitual nos xornais (A3).


01/12/19

Hai uns días, o 25 de novembro, estívose a reivindicar a Eliminación de Todas as Formas de Violencia contra as Mulleres, veña de onde veña. Fundamentalmente esta violencia ten connotacións sexuais e é exercida por elementos do xénero masculino, pois así o avalan os datos estatísticos, xudiciais, a voz da rúa, etc. Certo é que, aínda que porcentaxemente irrelevante, tamén dáse da man do mesmo xénero.
A pesar de que son remiso a dar calquera tipo de información que poida ser mal interpretada, e menos cualificala, poño por diante a solidariedade coas persoas que nalgún momento sufriron, sofren ou sufrirán calquera tipo de violencia.   
Co que se describe na noticia que presento hoxe hai que ser cauto nas cualificacións e conclusións pois descoñecemos (senón o poría) a sentenza xudicial ou resolución final da denuncia. Uns, como a prensa da época, din que é abuso, outros diriamos violación, agresión sexual, etc.
Pero quero introducir un elemento que non está contemplado na narración do feito, e que podería servir como unha variable máis para a reflexión. Tal é que puidera ser o resultado de compoñentes atávicos en resposta a unha enfermidade, a epilepsia, que na cultura popular aínda nesa época a consideraban “demoníaca” ou como unha “enfermidade da cabeza” que, segundo a idade e o sexo do paciente, tiña uns remedios ou outros.
Se quen a padecía era unha rapaza moza, como foi o caso, aparte da posible utilización de sortilexios e amuletos, apócemas, e rituais máis ou menos .... pensaban que “dado que sofren cambios que se cumpre no útero ... no mesmo acceso hai que sacar sangue da vea ...” e cando haxa actuado a “cacoquimia, a obstrución” hai que provocar o vómito...  
Mais deixémonos de especular e coñezamos os feitos cando menos da man do correspondente de prensa:

Un caso de salvaxismo”

Na praia de Beluso cometeuse un feito, que por las circunstancias que o rodean está sendo obxecto dos máis duros comentarios e que ao ser coñecido aquí, produciu xeral indignación.
Traballadores e familia de Clemente Lago - Beluso
Segundo puidemos investigar, o sucedido é o seguinte:
Carmen P.F. é unha agraciada moza duns 17 anos de idade, que traballa como operaria na fábrica de salgas e conservas que don Clemente Lago posúe en Beluso.
O venres último, mentres se dedicaba ás súas habituais faenas en dita fábrica, sufriu un ataque epiléptico, e foi conducida a un departamento próximo, onde quedou ao coidado de catro compañeiras para que a suxeitaran e atenderan.
Nada más se soubo aquel día, despois de ter recobrado o coñecemento a paciente, pois esta nada manifestou á súa familia ao observar certas sinais no seu corpo, unhas por producirlle vergoña e outras por crer que eran ocasionadas polos golpes conseguintes ao ataque sufrido; pero o sábado foi vítima dun segundo ataque na mesma fábrica e ao atendela debidamente, quedaron ao descuberto algunhas pegadas de ter sido maltratada.
Desde aquel momento, as suposicións que se fixeron sinalaban como causantes das lesións ás catro obreiras que asistiron o día anterior á infeliz rapaza e os rumores fóronse estendendo e tomando corpo ata chegar a oídos da tía de Carmen. Josefa F., veciña do lugar de Sar, Beluso, a que veu a denunciar o caso ao Xulgado municipal.
O digno xuíz señor Prieto García, ordenou inmediatamente á Garda civil deste posto, a detención de oito obreiras, entre as que se supoñía se atoparían as autoras. Esta detención levouse a efecto na mañá de onte, polo cabo señor Mondino e o garda señor Rodríguez Conde.
Das primeiras declaracións prestadas polas detidas decretouse a liberdade de Ramona F., Herminia M., María O., unha tal Consuelo e Isolina C., sobre as que non apareceu cargo algún, quedando detidas e a disposición do xuíz de Instrución do Partido, Teresa M., como autora das lesións e abusos deshonestos, Carmen D. e Rosario O., como cómplices, todas veciñas de Beluso.
Nos arredores do Depósito Municipal aglomerouse numeroso xentío que condenaban acremente este insólito e repugnante feito, pedindo ao mesmo tempo un castigo exemplar para estes seres; vergoña dun pobo culto.”
El Pueblo gallego, 27 agosto 1925 páx. 5 
Diario de Pontevedra do 27 de agosto de 1925 páx. 2

01/11/19


Estamos en Santos e lembramos, cadaquén aos seus seres queridos que se foron...
O outro día o mar cobrouse o que uns chaman “seu tributo”, o que ven ser unha vida máis...
Falando destas cousas comentáballe a uns amigos algunhas desas mortes que se leva o mar e que me deixaron pegada. E iso é o que me decidín compartir con todos vos, polo menos unha desas historias.
A morte de 5 regateiras de Bueu (1 de abril de 1879):


Dende Marín saíron, nun bote de remos, dous mariñeiros e 5 regateiras que volvían á súa casa logo de vender o peixe. Chegados á illa do Santo un golpe de mar anegoulles o barco e lanzounos contra un baixos que alí había. Caeron todos á auga. O patrón puido agarrarse ao bote.
Vistos dende terra por un home e dúas mulleres, arriscando ás súas vidas, saíron estes noutro bote dende a praia do Santo para rescatalos. Só puideron salvar ao patrón. Aos demais non os atoparon ata que ao día seguinte apareceron 3 dos afogados na praia.
A noticia conmocionou a toda a xente dos pobos da Ría pero a dor incrementouse ao darse a circunstancia de que o mariñeiro afogado e unha das mulleres eran matrimonio que deixaban orfos a cinco fillos pequenos. 




Aclarar que de todas as mortes das que somos, ou non, coñecedores deixan un baleiro. Séntense como se houbera un circuíto social localizado que borra para sempre unha parte dese “disco duro” gravado de vivencias, coñecementos  e un longo etc. que nunca máis recuperaremos.


01/10/19


Ano de 1856. Na zona coñecida como  pontón da Habana (Cuba) había destacamentos de distintos Departamentos  militares españois: de Cádiz, Cartaxena e Ferrol. E dentro destes encadrábanse en distintos Terzos. No caso do de Ferrol os Terzos eran o de Ferrol, Santander e Vigo. Neste último, Terzo de Vigo, estaban mariños do concello de Bueu. Algúns deles morreron alí, na demarcación do porto da Habana onde estaban os buques de guerra, como consta na Orde que o 8 de outubro de 1856 asínase nas dependencias do Almirantazgo de Madrid.
Relación de bueueses falecidos, destino que tiñan e “as cantidades que da súa pertenza foron entregadas pola maioría xeral do propio apostadeiro” e que debían recibir os seus herdeiros:
-          JUAN MANUEL FARIÑA:
o   de Bueu, fillo de Benito, grumete do Pontón Marte  ...42 reais  30 céntimos (de velón).
-          JUAN FRANCISCO MAÑÁ:
o   de Bueu, mariñeiro ordinario da fragata Cristina  ... 28 rs. 50 cs.
-          JOSÉ MARTÍNEZ:
o    de Bueu, fillo de Rosendo e Teresa, grumete da fragata Cristina  ... 455 rs.
-          MIGUEL AGULLA:
o    de Bueu, fillo de Rosendo, mariñeiro ordinario do bergantín Habanero  ... 401 rs. 25 cs.
-          JOSÉ Mª VIZOSO:
o   de Beluso, fillo de José Vizoso, grumete do arsenal da Habana  ... 721 rs. 25 cs.
Dicir que estaban todos eles enrolados na Armada e que esta non estaba en guerra (a primeira guerra cubana non sería ata 1868-1878 que remataría coa Paz de Zanjón na que, entre outras cousas, aboliuse a escravitude e dou paso á representación cubana nas Cortes). De vez en cando por estas datas, mediados do s, XIX, había algunha que outra escaramuza entre os cubanos e os españois que adoitaban non ser na Habana.  Polo que para dar unha explicación  ao grande número de falecementos habería que acudir ás enfermidades “epidémicas  e contaxiosas” que se recollen nos libros da “Junta de Superior de Sanidad”.
Tamén vale a pena reflexionar sobre o dato de que tres dos cinco falecidos eran xente moza, axudantes de mariñeiros (grumetes) que de seguro inscribíranse coma voluntarios, para ter un medio de vida e saír da estrema pobreza, así como poder  ter as poucas vantaxes que este enrolamento lles supuña para a súa profesión de futuros mariñeiros de navegación mercantil ou de pesca.