01/05/14

Mestres de Bueu suspendidos nos seus cargos

O domingo pasado nunha documentada e clarificadora charla o principal ponente, o compañeiro Xosé Álvarez Castro[1], lembroume[2] unha entrada que hai anos tiña preparada para cando lle “cadrara”. Desempoeina e con uns pequenos retoques a poño a continuación....

Nos aciagos días, a partires da segunda metade do ano 1936, moitos mestres sufriron nas súas carnes os avatares dos acontecementos e das políticas dun país en loita. Foi, sen dúbida, o colectivo máis castigado. Para a tese doutoral “La Depuración del Magisterio Nacional” o profesor da Universidade Autónoma de Barcelona, Francisco Morente Valero,  fixo un reconto de máis de 60.000 mestres depurados.
Moitos foron fusilados ou encarcerados e os que non, case que todos, estiveron na obriga de abandonar os seus cargos para, previa presentación de informes favorables do alcalde, do cura, da Garda Civil, etc.,  someterse a unha comisión á que tiñan que convencer da súa afección á nova orde.
En Bueu ocorreu o mesmo que no resto da provincia e do estado. Os nomes que saíron publicados nos xornais “Por el porvenir de la patria” e suspendidos de emprego por orden do Gobernador Civil, Ricardo Macarrón:
  • Telmo Bernárdez Gómez, mestre do Pósito de Bueu. Foi encarcerado “preventivamente” no Cuartel de San Fernando (Pontevedra) e pasa catro anos de cárcere en cárcere (Ponte Caldelas, San Simón, Figueirido, San Cristóbal de Pamplona, de novo San Simón). No 1947 chega como exiliado a México.
  • Teresa López González (7-2-1880/+17-5-1943), mestra da escola de Bueu nº 1 dende 1930 ao 1936. No 1931 ascende de categoría e soldo como mestra. Depurada do 1936-1942. Foi rapada durante a guerra acusada de ser de "esquerdas". Tamén serviu de escusa para facer cunha rúa (hoxe Johan Carballeira) atravesara a súa propiedade.
  • Leopoldina Gómez, mestra da escola de Bon-Beluso   
  • José Hermida García, mestre da escola de Cela
  • Eugenia Domínguez Fernández (14-1-1895/+12-5-1983), mestra da escola de Cela. Xa dende os 17 anos era profesora de párvulos e aínda que posuía o título de Mestra Nacional non podía exercer pola curta idade.
 Máis o que non pon a publicación anterior  era o nome doutros mestres de Bueu que foron depurados tamén e que algún estivo na cárcere e outros foron rehabilitados axiña. Neste listado de expedientados atopamos a:
  • Francisco Agulla Rodríguez, mestre de Cela. Foi encarcerado na illa de San Simón. Encausado no Tribunal de Responsabilidades Políticas de A Coruña e indultado no 1941.
  • Ramona Cabanillas Rodríguez, mestra de escola en Bueu. Depurada 1936-1942.
  • José Martínez Camiña, mestre de escola Ermelo. Depurado 1936-1942.
  • Guillermo Novío Cardexo, mestre de escola en Bueu. Depurado 1936-1942.
  • Lucio Rodríguez Infante, mestre de escola en Bueu. Depurado 1936-1942.


[1] Autor do blog “Pontevedra nos anos do medo” http://anosdomedo.blogspot.com.es/  e do libro  “Pontevedra nos anos do medo – Golpe militar e represión (1936-1939)” Edic. Xerais (xa vai pola 2ª  edición!)
[2] A páxina 10 de El Pueblo Gallego do 1 de setembro de 1936.

1 comentario:

ALBERTO LAGO dixo...

Hola son neto de José García Hermida (o mestre de Cela) que está xunto a súa fotografía. Onde podo conseguir a foto orixinal, xa que parece que esa imaxe está cortada. Unha aperta