Ao longo do tempo constátase a presencia de hórreos na longa
praia que era o fronte marítimo de Bueu. Dende os hórreos de Pescadoira ata o que
estaba xunto á salga de Galup o “A Requisa” na Banda do Río que segundo me
dixeron é un dos que están no pazo de Santa Cruz. Pero o que agora quero exporlles
é o que ocorreu con dous deses hórreos...
Na Sesión Ordinaria do Pleno do Concello de
Bueu do día 29 de abril de 1868, presidida polo alcalde Manuel González Plá, e
como único punto do día trátase da pretensión de Dn Gaspar Massó e Dn
Jaime Bolibar de seguir mantendo uns hórreos construídos por eles na praia fronte ás súas respectivas casas. A
denuncia para que se mantivese expedita a praia viña da Comandancia de Mariña e
o concello dálles 15 días de prazo para que os retiren, como así o fixeron.
A transcrición da Acta desta sesión:
“... Desuse conta das
solicitudes que elevaron á Alcaldía Dn Gaspar Massó e Dn
Jaime Bolibar pedindo se lles permitise conservar no sitio que hoxe están , ou
sexa próxima, o do primeiro, á Consistorial e fronte á súa respectiva casa o do
segundo, os hórreos que implantaron na Praia desta Vila, toda vez segundo as
disposicións tomadas pola Axudantía de Mariña en Bueu á limpeza da mesma e que
estivese desembarazada de todo estorbo, parece quere privarse de telos na
paraxe que se recoñecen; e como non pode toleralo nin consentilo o Concello
porque ademais de esquecer os seus deberes choca directamente coas medidas
adoptadas pola citada Axudantía á quen se dispensou a reparacións debidas para
levalas a feliz termo, considerando ademais, que outras persoas secundando a
aquelas, desviaron os que tiñan fronte as súas casas no sitio de Pescadoura e
finalmente que non se lles recoñece dereito de propiedade sobre o terreo no que
se implantaron os citados hórreos, acorda o Concello por unanimidade se lle
denegue aos expresados Dn Gaspar Massó e Dn Jaime Bolibar
a pretensión que intentan, aínda que concedéndolles por un trazo de
consideración quince días de termo a cada un para que os retiren e fagan
desaparecer do sitio trasladándoos a onde mellor lles acomode sempre que non
estorben, comunicándolles así polo señor Presidente. Co o cal levantouse a
sesión. Tras todo o cal e certifico”
Sinatura
do alcalde e concelleiros presentes
Ningún comentario:
Publicar un comentario